Friday 29 de March de 2024

O Concello de Padrón distingue como Peregrino de Honra a Xesús Palmou, director da Academia Xacobea


“Santiago é a meta, o final dos Camiños. Pero Padrón é o berce, o berce do fenómeno das peregrinacións”, asegura Xesús Palmou

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, entregou esta mañá a Xesús Palmou, director da Academia Xacobea, cuarto galardón “Padrón, Berce do Xacobeo”, que o acredita como Peregrino de Honra do Concello de Padrón. Un acto que tivo lugar na Igrexa parroquial de Santiago e ao que asistiron a familia do homenaxeado, a directora xeral de Turismo de Galicia e terceira Peregrina de Honra, Nava Castro; os alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e de Dodro, Xabier Castro; así como as concelleiras de Festexos de Padrón, María del Carmen Bustelo, e de Turismo de Valga, Malena Isorna, entre outras autoridades.

“Santiago é a meta, o final dos Camiños. Pero Padrón é o berce, o berce do fenómeno das peregrinacións”, con estas palabras remataba Xesús Palmou o seu discurso de agradecemento polo seu nomeamento como cuarto Peregrino de Honra por parte do Concello de Padrón. Un discurso que comezou lembrando que “cando as miñas obrigas profesionais o permitiron, quixen vivir de primeira man a experiencia do Camiño de Santiago. Despois de ter recorrido varios, podo asegurar que foi unha experiencia excepcionalmente positiva. Pero creo que hai que predicar co exemplo e quixen que o meu primeiro Camiño fose o de Padrón a Santiago. O Camiño de orixe da tradición xacobea e das peregrinacións, a orixe da cidade de Santiago e de todos os seus Camiños”.

Así, recordou que “o 26 de setembro de 2009, ás nove da maña. Miña dona e mais eu e outros amigos, partíamos da porta da Igrexa parroquial de Santiago cara a catedral de Santiago. Despois virían o Francés, pola variante Navarra e despois por Jaca, o Primitivo, e o de Fisterra. Despois virían os tempos de reflexión, e de aí nacería a Academia Xacobea, que teño a honra de presidir”.

O novo Peregrino de Honra padronés insistiu en que “Padrón está nas orixes, segundo a tradición. Aquí podemos contemplar reliquias tan importantes como o Santiaguiño do Monte, onde predicou o Apóstolo, o Pedrón e a Traslatio, que fai que moitos peregrinos que chegan a Santiago viaxen tamén a Padrón, dando orixe a ese dito: quen vai a Santiago e non a Padrón, fai romaría ou non. Eu síntome orgulloso orgulloso de ter feito a romaría dende Padrón, de ter feito o meu primeiro camiño dende Padrón e síntome especialmente honrado de recibir esta distinción, que ocupará un lugar preferente no meu fogar e tamén no meu corazón”.

Merecido nomeamento

Previamente, o alcalde padronés asegurara que “hai motivos máis que xustifican que Xesús Palmou sexa nomeado peregrino de honra neste ano 2021”. Neste sentido, fixo referencia aos seus artigos e colaboracións, “nas que sempre afirmou que Padrón está na xénese da cidade de Santiago e de todo o que acontece tras o descubrimento dos restos do Apóstolo no século IX. Algo co que estamos totalmente de acordo porque neste concello sempre defendemos que Padrón é o berce do Xacobeo”.

Así mesmo, destacou o compromiso de Palmou e a Academia Xacobea co municipio: “Recentemente puidemos ver como Padrón compartía con Compostela a honra de ser a sede do primeiro Congreso Mundial Xacobeo, que reuniu a expertos de todo o mundo para analizar o Camiño de Santiago desde unha perspectiva multinacional, intercultural e interreligiosa”.

O “Padrón, Berce do Xacobeo” é un galardón creado no ano 2017 polo Concello de Padrón para homenaxear a figura do peregrino, en xeral, personificado nunha figura relacionada co Camiño. Así, nas tres edicións anteriores foron distinguidos o locutor radiofónico Pepe Domingo Castaño, o estudoso do Camiño Manuel Garrido e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Xesús Palmou (Rodeiro, 1949) é un avogado e político español cunha longa traxectoria tanto a nivel local (onde foi concelleiro e tenente de alcalde da Estrada) como autonómico, onde ocupou as Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (1996). Presidente de Sogama entre 1996 e 1998, volveu á Consellería de Xustiza do 2003 ao 2005. Medalla do Mérito ao servizo da avogacía, na actualidade preside a Academia Xacobea.